MANIFESTO SOBRE A AUGA DE DOÑANA

Plataforma Salvemos Doñana

Doñana é un dos lugares máis especiais e únicos do mundo. A súa catalogación como Patrimonio da Humanidade e todas as distincións outorgadas por organismos internacionais fan deste territorio unha xoia natural única.

É un elemento fundamental da nosa historia e lémbranos que temos que convivir coa natureza que nos rodea respectando a diversidade biolóxica. É un monumento cheo de vida, símbolo da nosa identidade colectiva, por iso hai que preservalo en toda a súa singularidade, ao igual que o facemos con outros patrimonios da humanidade do noso país como a Alhambra, o Camiño de Santiago ou El Escorial.

A súa extensión, 128.000 hectáreas, as súas extraordinarias calidades e as súas múltiples figuras de protección non a eximen de riscos e ameazas que aumentan a súa vulnerabilidade e comprometen a súa supervivencia. Hoxe, Doñana volve verse seriamente ameazada pola posibilidade de que o Goberno andaluz modifique a lexislación que ordena os usos agrarios por vía rápida, sen transparencia nin participación, para conceder amnistía a todos os regadíos ilegais que se crearon e roubaron auga durante as últimas décadas.

Ademais, xunto con outras medidas, inclúe unha modificación da Lei de montes de Andalucía para promover que os agricultores con baixa rendibilidade agraria que no seu día converteron as súas terras en silvicultura intenten revertelas en agricultura de regadío, deforestándoas para poderen sementar cando exista auga.

O proxecto de lei é un compendio de modificacións da normativa vixente que pretende amnistiar as ilegalidades e consolidar un incremento ilimitado da agricultura intensiva de regadío, desmantelando o establecido no Plan de Ordenación do Territorio de Doñana, que se desenvolveu no plan acordado por todos os interesados en 2014, denominado Plan de Coroa Forestal, que constituíu un fito de consenso ao establecer un marco de xestión que dese seguridade xurídica e viabilidade á agricultura legal na contorna do Parque Nacional de Doñana.

Existen alternativas para que esta proposta, apoiada dende febreiro de 2023 polo goberno andaluz, devastadora para a zona húmida máis importante de Europa, non saia adiante, pero é necesaria vontade política.

Non podemos permitir que os fondos europeos que xa se investiron dende hai moitos anos na conservación e desenvolvemento sostible de Doñana, nin permitir o agravio comparativo cos agricultores legais que se verían tremendamente afectados por estes cambios normativos, nin é de recibo seguir mantendo un modelo económico incompatible coa conservación do noso patrimonio natural e da nosa identidade, simplemente para favorecer actividades agrarias non conformes á legalidade.

Por todos estes motivos, desde abril de 2023, a Plataforma Salvemos Doñana únese para frear esta inxustiza e convidámoste, convidámosvos, a unirvos, como lugar cidadán de rexeitamento a que a Junta de Andalucía siga patrocinando e dando pulo á Proposición de Lei presentada polos grupos parlamentarios do PP e VOX e que foi admitida pola Mesa da Deputación Permanente do Parlamento de Andalucía e remitida ao Consello de Goberno, co obxectivo de que sexa aprobada polo Parlamento andaluz mediante a vía rápida de tramitación de urxencia para acurtar os prazos, evitar a transparencia e eludir o obrigatorio trámite de información pública.

Pedímosvos que vos sumedes e unamos os nosos esforzos para evitar que se legalicen todas as explotacións agrícolas que extraen auga ilegalmente e que se favoreza a deforestación de fincas en Doñana. Urxe a retirada definitiva do proxecto de lei e o cumprimento estrito do Plan Especial de Ordenación dos regadíos situados ao norte da coroa forestal de Doñana. Cómpre instar as nosas institucións e representantes a defenderen a nosa xoia natural para o presente e para as futuras xeracións, apoiando unha actividade económica legal compatíbel co mantemento dos seus valores excepcionais.

Isto, especialmente tendo en conta a gravísima situación actual en Doñana, exposta pola Estación Biolóxica de Doñana, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no último pleno do Consello de Participación do Espazo Natural de Doñana, o pasado 10 de abril de 2023. Na súa intervención, o director deste centro de investigación expuxo o deterioro xeral do sistema lacunar de Doñana e a perda de biodiversidade asociada a estes hábitats debido, non só á ampliación das superficies cultivadas, senón tamén aos cambios observados na temperatura e precipitacións cada ano, así como ao período persistente de seca, que se intensificará no futuro debido ao cambio climático, afectando claramente á diminución da dispoñibilidade de auga.

O informe do CSIC resulta contundente e amosa a nula fiabilidade dos argumentos e afirmacións que se expoñen na Proposición de Lei. De feito, o informe subliña que a «falta de execución do Plan da Coroa Forestal levounos ao punto crítico insostible no que se atopa Doñana” e que o verdadeiramente urxente é axustar a demanda de auga á dispoñibilidade, porque, do contrario, ademais de acabar con Doñana, as explotacións legais terán problemas para regar, poñendo en risco toda a actividade económica da comarca.

Así o corrobora tamén a Confederación Hidrográfica do Guadalquivir, que reduciu este ano as porcentaxes de volume de auga vertida con respecto á anterior campaña de rego, cun descenso do 36% con respecto ao ano pasado, debido á gravísima seca que sofre Andalucía, cunhas precipitacións un 35% por debaixo da media e sendo xa cinco anos nos que se descarga máis auga da recollida.

As administracións teñen a obriga de protexer o patrimonio e a cidadanía a responsabilidade de defendelo, polo que as persoas e entidades asinantes:

  • Solicitamos aos grupos parlamentarios de PP e VOX que retiren a súa Proposición de Lei (12-23/PPL-000001) co título: «Para la mejora de la ordenación de las superficies agrícolas del Condado de Huelva, en los términos municipales de Almonte, Bonares, Lucena del Puerto, Moguer e Rociana del Condado (Huelva)”.

  • Esiximos ao Goberno da Junta de Andalucía o cumprimento estrito do Plan Especial de Ordenación dos regadíos situados ao norte da coroa forestal de Doñana, tamén coñecido como “Plan de la Fresa” e “Plan de la Corona Forestal”, e declinar calquera modificación do mesmo, xa que foi aprobado con criterios de consenso social e científico e responde a unha norma superior. Así mesmo, que estableza definitivamente a xestión das augas subterráneas en función dos mesmos criterios que os cultivos de regadío con augas superficiais na marisma transformada da provincia de Sevilla, axustándose sempre á dispoñibilidade de auga no acuífero en función da recarga real e do seu estado de conservación.

  • Esiximos ao Goberno da Junta de Andalucía que non promova nin premie a deforestación en Doñana, xa que poría en perigo a entrada no mercado europeo de produtos legais producidos na contorna de Doñana, obtidos de acordo coa normativa europea, que fomenta un consumo sustentable e pretende garantir que en Europa só se consuman produtos legais e libres de deforestación.

  • Esiximos ao Goberno de España que promova e incentive procesos de dilixencia debida en materia ambiental e de dereitos humanos para que as empresas agrarias cumpran coas súas obrigas de respectalos, protexelos e promovelos e garantan a reparación efectiva das violacións dos dereitos humanos e dos danos ambientais que se poidan cometer, se é o caso, derivados das actividades desenvolvidas polas ditas empresas nas súas cadeas de subministración, salvagardando así as sociedades xurídicas que desenvolvan os seus procesos dentro do marco legal establecido.

  • Esiximos ao Goberno central que cumpra a Sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo relativa a Doñana, que ditou en xuño de 2021 que o Reino de España incumpre o Dereito Comunitario, en particular, a Directiva Marco da Auga e a Directiva Hábitats. Polo tanto, que garanta o cumprimento das devanditas Directivas, así como da normativa estatal vixente, toda vez que realice un exhaustivo control, vixilancia e sanción, a quen saquee as augas en Doñana, así como o peche definitivo de todos os pozos ilegais na Comarca de Doñana canto antes, para o que se debe incrementar o número de axentes dedicados a estes traballos e garantir, de forma preventiva, a súa seguridade física no exercicio das súas funcións.

  • Esiximos ao Goberno de España que promova o desenvolvemento sostible e responsable da Comarca de Doñana e que ratifique os acordos climáticos de París para defender o benestar e a calidade de vida da cidadanía. Para iso, instamos ao Goberno de España a acometer un plan de restauración dos sistemas hidráulicos de Doñana, dos seus ecosistemas degradados (bosques, marismas, río Guadiamar, ría do Guadalquivir), incorporando a recuperación das augas superficiais tributarias de Doñana no Plan Hidrográfico de o Guadalquivir, que ignora a súa xestión, e que asuma as numerosas alegacións presentadas no período de información pública do terceiro ciclo, respecto das augas superficiais de Doñana.

  • Esiximos ao Goberno de España que analice e valore a calidade das augas superficiais que se destinan ao rego de cultivos no ámbito de actuación da proposición de lei, en substitución das augas subterráneas do acuífero, antes de autorizar o seu aproveitamento, dado que parte dela procede do chamado encoro de Alcolea, situado nunha bisbarra historicamente contaminada pola actividade mineira e o seu uso pode ser prexudicial para a saúde humana e os ecosistemas de Doñana.

  • Esiximos que as administracións central e andaluza promovan políticas axeitadas para desenvolver unha agricultura sostible e a equidade social na rexión, inherente a calquera enfoque de sustentabilidade; incluíndo as medidas necesarias para reconverter o sector e impulsar outros sectores, incorporando os criterios de transición ecolóxica xusta que esixe o contexto do cambio climático. E que se faga de forma que estes cambios inevitables non acaben prexudicando en maior medida os sectores máis vulnerábeis da poboación, neste territorio xa marcado por grandes desigualdades sociais, no que non todas as persoas teñen o mesmo nivel de responsabilidade polos danos causados.

  • Esiximos ao Goberno de España que adopte medidas urxentes e que a recorra ante o Tribunal Constitucional así como ante a Xustiza Europea, no caso de que prospere a Proposición de Lei para a mellora da ordenación dos espazos agrarios da comarca de Huelva prevendo non só os danos ambientais irreversíbeis que xerará no espazo, mais tamén as millonarias multas que a Unión Europea imporá a todos os cidadáns españois.

  • Comprometémonos a informar a cidadanía e as institucións sobre os valores e a riqueza de Doñana para que entre todos e todas poidamos garantir a súa conservación e nunca máis se poña en risco o noso patrimonio natural.

  • Comprometémonos a dialogar e traballar con todos os colectivos locais económicos, sociais e calquera outros da Comarca de Doñana, para facer de Doñana un exemplo no mundo que combine riqueza natural, calidade de vida e desenvolvemento sostible e xusto.

É o momento, unha vez máis, de Salvar a Doñana.

El logotipo es obra de Angy Peralbo

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies