Manifesto contra o almacén de gas de Doñana. 2016

Asine o manifesto

Doñana é un dos lugares máis especiais e singulares do mundo. O feito de ter sido catalogada como Patrimonio da Humanidade, amais da morea de distincións concedidas polos organismos internacionais, determina a súa consideración de xoia natural única.

Vén sendo parte fundamental da nosa historia e lémbranos que temos que coexistir coa natureza dende o respecto pola diversidade biolóxica. É un símbolo cheo de vida da nosa identidade colectiva, merecente xa que logo de ser conservado como a Mezquita, a Alhambra ou a Giralda.

Malia a súa extensión, 128.000 ha, as súas extraordinarias calidades e o fato de figuras de protección que recibiu, segue a padecer riscos e ameazas.

Hoxe Doñana atópase máis ameazada do que ten estado endexamais por unha actividade incompatíbel coa súa natureza e mais coa normativa en vigor. Logo de trinta anos de extraer gas decontino, a compañía Gas Natural Fenosa teima en converter o subsolo de Doñana nun xigantesco almacén de gas.

A empresa xa encetou as obras da primeira fase deste proxecto salvaxe na contorna do parque, porén ninguén defende o noso patrimonio natural. Habería posibilidade de parar a Gas Natural, mais cómpre unha vontade política que non existe. Abondo coñecemos as razóns desta falta de vontade: as portas xiratorias e as chantaxes das empresas foron minguando as vontades, caso de teren existido.

Malia as Declaracións de Impacto Ambiental vulneraren a lexislación europea, o proxecto “Marismas” foi autorizado grazas a trampas legais que perseguen agachar os seus efectos en Doñana e na contorna.

Non hai unha avaliación do conxunto do proxecto coas súas sinerxías, senón avaliacións separadas de cada un dos catro cachos nos que se dividiu a acción. Velaí que sexa unha grande ameaza para a auga desta zona húmida paradigmática, esencial para a vida dos seus ecosistemas, para o consumo humano e para o regadío.

Xa coñecemos os perigos que implican os proxectos que non son correctamente avaliados. Inxectar gas no subsolo pode resultar perigoso. Así aconteceu co proxecto Castor, en Tarragona, que ocasionou máis de 500 sismos e a súa paralización motivou unha indemnización para a compañía promotora de 1350 millóns de euros que pagamos todos nós. O mesmo podería acontecer en Doñana de se chegar a executar o proxecto.

Non podemos permitir o desperdicio dos fondos europeos investidos na conservación e no desenvolvemento sustentábel. Tampouco podemos seguir a manter un modelo obsoleto que xera graves problemas de contaminación, pouco emprego e precario, depreda o noso patrimonio, a nosa identidade e ao cabo só favorece as grandes empresas.

Esta actividade é inviábel para Doñana e mais a contorna onde coexisten a beleza natural e os lugares de moito valor histórico, cultural ou relixioso coma a ermida da Virxe do Rocío, o Pazo de Doñana, o das Marismilla ou o do Acebrón.

Malia todo isto, o proxecto está en marcha e require xa que logo dunha acción contundente e rápida de todos os colectivos, asociacións, partidos políticos, institucións e xente do común preocupada polo presente e o futuro de Doñana.

Por esta razón constituímos a plataforma “Salvemos Doñana” e convidámoste, convidámosvos a vos adherir e sumar esforzos para acadar que non se poña Doñana ao servizo dos intereses de Gas Natural e para instar ás nosas institucións e representantes a defenderen esta xoia natural para o presente e mais para as futuras xeracións. Doñana non ten prezo, non pode ser obxecto de negocio.

As administracións teñen a obriga de protexer o patrimonio, e a cidadanía a responsabilidade de defendelo, de aí que as persoas e organizacións asinantes:

  • Esiximos ao Goberno da Junta de Andalucía que poña en marcha, de xeito urxente e no marco das súas competencias, as vías legais e xurídicas que se precisen para paralizar o proxecto Marismas Occidental.
  • Esiximos ao Goberno Central que respecte o principio de precaución que aplican os países da Unión Europea e paralice de inmediato a execución deste proxecto que non foi globalmente avaliado e que pode ocasionar graves consecuencias para todos e todas.
  • Comprometémonos a informar á cidadanía verbo dos valores e da riqueza de Doñana para entre todos garantir a súa conservación e que endexamais se volva arriscar o noso patrimonio natural.
  • Comprometémonos a traballar con todos os sectores económicos e colectivos locais da Comarca de Doñana para facer dela un exemplo no mundo de riqueza natural, calidade de vida e desenvolvemento sustentábel.
El logotipo es obra de Angy Peralbo

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies